ASOCIACIÓN
"AMIGOS DA TERRA DE MONTES"
Beariz
Cerdedo
Forcarei

"O futuro da terra de montes é algo que envolve a todos, con proxectos ben feitos, vontade política e aforros (M.D.R)"

 


 

 

BENVIDA Á WEB DA ASOCIACIÓN "AMIGOS DA TERRA DE MONTES"

 

SAÚDO DO PRESIDENTE

Dentro do marco actual no que nos atopamos, no que a aldea global macluhaniana impera no mundo, como Presidente da Asociación “Amigos da Terra de Montes” teño a sorte de darvos a benvida a este espazo virtual www.webterrademontes.com . Un espazo e lugar de encontro de necesaria creación debido á evolución das Tecnoloxías da Información e Comunicación, grazas ás cales naceron maiores posibilidades de comunicación entre as persoas.

A través desta web, aberta a tódolos cibernautas, esperamos amosar o espírito plural, tolerante e traballador dos pobos que integran a Terra de Montes, así como a súa riqueza patrimonial e cultural. Ademais, a través dun simple clic, os cidadáns do mundo naturais da Terra de Montes poden regresar ás súas orixes recorrendo quilómetros en segundos.

José Raposeiras Correa

Desde esta Asociación que na actualidade me honro en presidir, manifesto a miña dispoñibilidade ao fomento dos lazos de amizade e solidariedade, con apertura a tódalas persoas. Aos emigrantes, aos veciños e veciñas de Terra de Montes, aos que naceron nela e aos seus descendentes e, aos que verdadeiramente se consideren amantes e simpatizantes destas terras, sen ningún tipo de discriminación. Cómpre conservar e desenvolver a nosa cultura e o noso patrimonio, integrándoos á súa vez no actual proceso de modernización e diversificación económica, coa finalidade de acadar maiores cotas de benestar sociocultural entre os habitantes da comarca. Por iso convídovos a que nos fagades chegar as vosas suxerencias e inquedanzas, co fin de poder traballar nelas e transformar este espazo de comunicación e diálogo nunha ferramenta de utilidade para tódolos que nos visiten.

Non me quero despedir sen agradecer o traballo feito polos anteriores presidentes e as súas xuntas directivas ao longo dos xa máis de vintetrés anos, Jesús Jorge Campos , Adolfo Cabada Castro , José Vidal Cerdeira , Jaime Iglesias Cendón e Jesús Antonio Gulías Lamas . Dun xeito especial manifesto a miña gratitude -pola continua colaboración que segue prestando- ao presidente fundador desta páxina web, Jaime Iglesias Cendón, o verdadeiro “culpable” de que hoxe estea eu aquí. Sen estas e outras moitas persoas, sería difícil asimilar as liñas de actuación que a nova e ilusionante xunta directiva actual pretende levar a cabo.

Un cordial saúdo e moitas grazas pola vosa visita.

O Presidente

José Raposeiras Correa

Soutelo de Montes, 23 de Outubro de 2005

 

Última actualización Noviembre de 2006

Desarrollado por Saro Rodriguez Programación y Hardware

 

www.sarorodriguez.com

sarorodriguez@mundo-r.com